miércoles, 24 de noviembre de 2021

XOGANDO A SER LIBRES: DA EMOCIÓN Á ACCIÓN

 

Ao longo do mes de outubro, desenvolveuse na escola un proxecto de COEDUCACIÓN EMOCIONAL que abordou desde o ámbito da intelixencia emocional, a identificación e regulación emocional como base de coñecemento para poñernos en marcha e loitar contra a violencia de xénero, fomentando a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes a través dos valores universais de respecto, tolerancia, diversidade, etc.

Salientar que a programación destas actividades foi posible grazas ás axudas dirixida ás asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia coa finalidade de potenciar a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero, operación cofinanciada con Fondos finalistas do Pacto do estado contra a violencia de xénero.

Contamos unha vez máis con Almas Meraki e Sara Vierna, educadora social, experta en xénero e coeducación emocional foi a encargada de poñer todo isto en marcha.

O alumnado, a través dos obradoiros profundizou na dimensión emocional de nenas e nenos, conectando cos seus propios “sentires” co obxecto de nomealos e localizalos no seu corpo, e así, poder respectar(se) e acoller a riqueza que supón a diversidade de “ser”. 

Estes foron os contidos traballados: Estereotipos e roles de xénero, xogo sexuado, espazo seguro, universo de emocións, ciclo de xestión emocional e diversidade como “ súperpoder”

Agardamos que esa semente lles axude a relacionarse dunha forma máis sá e respectuosa con elas mesmas, mesmos e co resto dos seus iguais, xerando contornas de maior coidado e seguridade.

As familias participamos das pílulas formativas, xuntámonos dúas tardes nas que Sara deunos traslado do traballo realizado na aula co alumnado e tamén achegounos pequenas pistas para acadar unha mirada coeducativa de cara a poñer en práctica a educación para a igualdade, desde un enfoque da educación emocional, no ámbito familiar. 

Abordamos os seguintes contidos: Retos e logros que detectados nas aulas, foco nos nenos: que pasa con eles?, foco nas nenas: que pasa con elas?, emocións: como as viven? e claves para coeducar emocionalmente.

Queremos compartir con todas vós un pequeno resumo e materiais despois de levar a cabo o proxecto e animarvos a seguir enfocando coas lentes violetas, son moitos os límites e as violencias autoimpostas polo xénero.

https://drive.google.com/file/d/1TKGy928LEuJKdMYcPbPOYbB4TC1OpbEX/view?usp=sharing


A comunidade do Sanjurjo segue traballando por unha escola como espazo de respecto, tolerancia, diversidade e coidados.