luns, 6 de xullo de 2026

Aberto o prazo de inscrición para o programa Cóxegas e as actividades extraescolares 2026-2027

 Xa están abertos os prazos de inscrición tanto para o programa Cóxegas como para as actividades extraescolares da Federación Provincial de ANPAs do vindeiro curso. O prazo permanecerá aberto durante o verán ata o mes de setembro. Non esquezas inscribirte!


Estas iniciativas ofrecen ás familias unha opción para facilitar a conciliación e unha ampla oferta de actividades para o alumnado.

Programa Cóxegas

O programa Cóxegas, dirixido ao alumnado de Educación Infantil e Primaria, ten como obxectivo favorecer a conciliación familiar e laboral durante o mes de setembro.

As actividades desenvolveranse no propio centro e incluirán xogos, deportes e propostas lúdicas que promoven hábitos de convivencia e favorecen o desenvolvemento cognitivo, psicomotor e social.

Información de interese:

  • Prazo de inscrición: do 1 de xullo ao 2 de setembro, ata as 12:00 horas.
  • Formulario de inscrición: www.fedapascoruna.org/inscripciones
  • Publicación dos grupos: o 3 de setembro. A Federación enviará un correo electrónico ás familias e ás ANPAs co resultado.
  • Datas de realización: do 9 ao 30 de setembro, de luns a venres.
  • Horario: de 16:00 a 18:00 horas
  • Prezo: 25 € por participante. As familias beneficiarias da bolsa de comedor terán un desconto do 50 %. Ademais, é obrigatorio aboar 5 euros correspondentes ao seguro de accidentes.

Para formalizar a inscrición, ademáis de cubrir o formulario de inscripción, deberá realizarse unha transferencia bancaria á seguinte conta:

IBAN: ES13 2080 0000 7730 4030 0141
Titular: Federación Provincial de APAs de Centros Públicos da Coruña
Concepto: nome e apelidos do alumno/a e nome do colexio.

Unha vez realizada a transferencia, deberase subir o xustificante na sección “Inscricións realizadas” do panel de familias.

Actividades extraescolares 2026-2027

Tamén está aberto o prazo de inscrición nas actividades extraescolares organizadas pola Federación Provincial de ANPAs para o próximo curso. Xa está dispoñible o calendario definitivo das actividades que se impartirán no noso centro.


Información de interese:

  • Prazo de inscrición: do 1 de xullo ao 14 de setembro, ata as 12.00 horas.
  • Formulario de inscrición: www.fedapascoruna.org/inscripciones
  • Período de realización: do 1 de outubro ao 19 de xuño.
  • Cota: 10 € ao mes.

Ademais das actividades organizadas pola Federación Provincial de ANPAs, a ANPA Monte Vixía tamén promove actividades propias, que podes consultar aquí.

xoves, 18 de xuño de 2026

Recordatorio importante: crea o teu perfil familiar en Jardanay se queres usar o comedor o próximo curso

O provedor do servizo de comedor, Jardanay, introduciu un cambio importante no proceso de alta para o próximo curso escolar. Se a vosa familia xa utiliza o comedor ou ten previsto comezar a utilizalo o vindeiro curso, é imprescindible crear previamente un perfil familiar na plataforma de Jardanay. Sen este paso non será posible contratar os servizos cando se abra o prazo de inscrición.


Qué cambia este ano?

Ata agora, Jardanay habilitaba cada verán un formulario para que as familias solicitasen a alta no servizo de comedor ou madrugadores.

A partir deste curso, todas as familias deberán completar primeiro unha Fase 1, coa creación e validación do perfil familiar. Unha vez aprobado este perfil, poderán acceder á Fase 2, a de contratación dos servizos.

Aínda que o proceso inicial require un pouco máis de xestión, Jardanay indica que facilitará moito as altas, baixas e modificacións dos servizos neste e nos próximos cursos.

Importante: non agardedes ao último momento

Recomendámosvos que creedes o perfil familiar canto antes.

Cando se abra o período de contratación dos servizos, só poderán realizar as inscricións aquelas familias que teñan o seu perfil previamente creado e validado por Jardanay.

Como crear o perfil familiar

1. Rexistrate na plataforma

Accede á páxina: www.comedores.jardanay.es e fai click en “Regístrate”.



2. Cubre o formulario inicial

Introduce os seguintes datos:

  • Correo electrónico
  • Nome e apelidos
  • Teléfono de contacto
  • Número de fillos que utilizarían os servizos
  • Nome do centro educativo

Unha vez enviado o formulario, Jardanay revisará a información.

3. Agardar a validación de Jardanay

Tras revisar os datos, Jardanay enviaravos un correo electrónico co:

  • Enlace de acceso á plataforma
  • Contrasinal inicial

⚠️ Importante: este correo non é automático. A validación pode tardar algún tempo, polo que recomendamos realizar o rexistro canto antes.

4. Completar o perfil familiar

Unha vez accedades á plataforma:

  • Podedes cambiar o contrasinal en “Mi perfil” (esquina superior dereita).
  • Completade en "Mi perfil de cliente" toda a información solicitada sobre:
    • Titores/as.
    • Persoas autorizadas.
    • Fillos/as.
    • Dietas especiais ou necesidades alimentarias.
    • Calquera outro dato requirido.

5. Revisión e aprobación

Jardanay revisará os perfís familiares e os dos nenos e nenas. Se falta información, poranse en contacto coa familia para solicitala antes da aprobación definitiva.

Dúbidas ou incidencias

Para resolver calquera consulta:

Agradecemos a vosa colaboración para realizar este trámite canto antes e evitar problemas cando se abra o período de contratación do comedor para o próximo curso.

xoves, 28 de maio de 2026

Preinscripción nas actividades extraescolares do próximo curso 2026/27

Tal e como adiantamos hai un mes, xa dispoñemos dunha proposta de actividades extraescolares para o próximo curso 2026/27. Aquí podedes consultar os dous tipos de actividades que se realizarán no noso cole e ver claramente diferenciadas en dúas cores por unha banda as actividades que oferta a Federación de ANPAS (amarelo) e as actividades propias que oferta a maiores a nosa ANPA (azul). Cada tipo de actividade terá unha preinscrición diferente.

Proposta de actividades





Actividades propias da ANPA Monte Vixía (azul)

No caso das actividades propias da nosa ANPA, aquelas que figuran destacadas en azul no cadro, precisan unha preinscrición que mantemos aberta ata o 12 de xuño. Necesitamos coñecer o interese das familias por anotar aos rapaces e rapazas nelas para o próximo curso e, para iso, simplemente pedimos que nos enviedes un correo electrónico á nosa conta: anpamontevixia@gmail.com

“Hola, son a nai/pai de XXXX, que o ano que vén cursará XXXX e estamos interesados en apuntarnos á seguinte actividade: XXXX”.

Agradecemos a vosa colaboración para poder organizar con antelación as actividades da mellor maneira posible. E non vos preocupedes! Se cambiades de opinión, poderanse facer cambios en setembro!

O prezo destas actividades é o seguinte:

  • Judo – Club Shiai: 25 €/mes
  • Rítmica – Club Rítmica Coruña: 30 €/mes
  • Kárate – Club Hércules: 30 €/mes
  • Fútbol (Infantil) – Club Orillamar: 22 €/mes
  • Horta – martes de 14:00 a 17:00 h: 22 €/mes
  • Minichef – Activa: 22 €/mes
  • Robótica – StemRobots: 25 €/mes


Actividades da Federación Provincial de ANPAS (amarelo)

No caso das actividades ofertadas pola Federación Provincial de ANPAS, podedes ver no cadro tamén cales se ofertan, resaltadas en amarelo. Este curso, como novidade, a Federación de ANPAS da Coruña esixe, para que se poida realizar cada actividade, un mínimo de 8 nenos e nenas anotados e un máximo de 12 en Infantil e 15 en Primaria.

O prazo de inscrición neste tipo de actividades é do 1 de xullo ao 14 de setembro ás 12:00 horas. Os prezos das actividades de deporte, arte e cultura pasan a ser de 10 euros/mes, máis un seguro anual obrigatorio cun custo de 5 euros.

Para anotarse nestas actividades, consultade a seguinte páxina a partir do 1 de xullo:
https://fedapascoruna.org/

mércores, 27 de maio de 2026

A ANPA financia actividades especiais nas excursións de fin de curso a Ares, Redes e Cabanas

Co remate do curso cada vez máis preto, achégase unha das citas máis esperadas polo alumnado: as excursións de fin de curso, que terán lugar a próxima semana. Dúas xornadas de convivencia e diversión que este ano se enmarcan dentro do proxecto de centro “Daquí e dacolá” e que levarán ao alumnado a descubrir Ares, Redes e Cabanas.

Dende a ANPA queremos compartir que este ano colaboramos financiando actividades pensadas para que estas saídas sexan aínda máis enriquecedoras e divertidas para os nenos e nenas.

Vista aérea de Ares


O alumnado de 3º, 4º e 5º de Primaria participará o próximo luns 1 de xuño nunha procura do tesouro en Ares, unha actividade en equipo chea de pistas e descubrimentos.

Pola súa parte, para o alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria, a ANPA subvenciona un espectáculo teatralizado con animación musical e temática indiana en Ares.

Queremos lembrar tamén que o alumnado de 6º de Primaria terá a súa propia excursión de fin de etapa, unha viaxe especial que vivirán aparte e que inclúe pernocta fóra. Como a ANPA non financiou ningunha actividade específica para eles nesta ocasión, puxemos un empeño especial en sacar adiante a iniciativa da visita ao Museo do Deportivo, da que poderán participar xunto ao resto dos cursos o mércores 3 de xuño.

Dende a ANPA estamos moi felices de poder contribuír a facer posibles estas actividades e sumar experiencias que enriquecen a vida escolar do noso alumnado.

E, como sempre, grazas ao equipo docente e directivo pola coordinación, pola colaboración continua e pola implicación que fan posible que iniciativas como esta saian adiante.

Agardamos que sexan uns días fantásticos para todos e todas.

Detalles organizativos


Excursión do luns 1 de xuño

Alumnado de 3º, 4º e 5º de Primaria

9:15 – Saída do cole para Ares
10:30 – Visita á Alianza Aresana
11:00 – Busca do tesouro en Ares en dous grupos, con dous monitores por grupo
12:30 – Saída para Redes
13:30 – Saída para Cabanas
14:00 – Xantar no parque de Adeza, Cabanas
15:00 – Tempo libre na zona do parque infantil
16:15 – Volta para Coruña

Excursión do xoves 4 de xuño

Alumnado de 3, 4 e 5 anos e 1º e 2º de Primaria

9:15 – Saída do cole para Ares
10:30 – Visita á Alianza Aresana
11:00 – Merenda
11:30 – Espectáculo teatralizado infantil con animación musical “Cantabaila”, de temática indiana, na Praza da Constitución (se chove, celebrarase na Alianza Aresana)
13:30 – Saída para Cabanas
14:00 – Xantar no parque de Adeza, Cabanas
15:00 – Tempo libre na zona do parque infantil
16:15 – Volta para Coruña

Que teñen que levar na mochila?

Comida e merenda: cada alumno/a debe levar o seu propio xantar e tamén a merenda de media mañá.
Auga: unha botella con auga fresca.
Protección solar: é moi importante que traian unha gorra e a crema de sol xa posta desde a casa.


martes, 26 de maio de 2026

Todo o cole, de visita ao Museo do Dépor 💙🤍

Para sumarnos á marea branquiazul que estes días encheu de ilusión as rúas da Coruña, a ANPA Monte Vixía organizou unha actividade moi especial como peche de curso: todo o alumnado do CEIP Torre de Hércules visitará o vindeiro mércores 3 de xuño o Museo do Deportivo.

Será unha saída conxunta na que participarán todos os nenos e nenas do centro xunto co equipo docente, unha oportunidade estupenda para compartir unha experiencia diferente e celebrar o remate do curso.


O Deportivo forma parte da historia e da identidade da Coruña e, despois da enorme alegría vivida a pasada fin de semana, co ascenso do equipo a Primeira División, pareceunos o momento perfecto para achegar esa historia ao alumnado. A visita permitirá coñecer de preto a traxectoria do club, descubrir algúns dos seus momentos máis emblemáticos e entender mellor por que o Dépor ocupa un lugar tan especial no corazón de tantas familias coruñesas.

Un dos aspectos máis bonitos desta actividade é precisamente que a poderá gozar todo o colexio, dende Infantil ata Primaria. Ao longo do percorrido polo museo, os alumnos e alumnas poderán ver trofeos, camisolas de distintas épocas, documentos e publicacións históricas, ademais de descubrir etapas do club que moitos non tiveron oportunidade de vivir, coñecendo así unha parte importante da historia recente da nosa cidade.

Máis alá da visita, esta actividade tamén busca transmitir valores como o esforzo, a superación, o traballo en equipo e o sentimento de pertenza que tantas veces van unidos ao deporte e que consideramos importante compartir tamén dende o ámbito educativo.

A saída será en autobús dende o colexio ás 9:45 horas do mércores 3 de xuño. A visita comezará ás 10:30 horas e incluirá, ademais do museo, un percorrido por espazos tan especiais como a sala de prensa, os vestiarios, os banquiños e o palco de honra do Estadio Municipal de Riazor. Despois de aproximadamente unha hora de visita, o alumnado regresará de novo ao centro en autobús.

Tanto a entrada ao museo como o desprazamento serán financiados integramente pola ANPA, que quere agradecer especialmente a colaboración e a implicación do equipo docente e directivo do centro para facer posible esta actividade.

Estamos seguros de que será unha mañá moi especial para todo o colexio. A desfrutala! 💙🤍

luns, 25 de maio de 2026

O CEIP Torre de Hércules participa no Torneo “Pequeños Gigantes” de xadrez en María Pita

Un equipo do CEIP Torre de Hércules participou o pasado sábado 23 de maio no Torneo de xadrez escolar Pequeños Gigantes, celebrado na praza de María Pita. Pablo, Hugo, Telmo, Cristian, Xoel e Mauro representaron ao noso centro cunha excelente participación e moita ilusión, acompañados pola súa monitora Natalia.


Dentro da actividade de xadrez que se impartiu no centro durante o curso escolar como actividade extraescolar, e como parte da súa experiencia de aprendizaxe ao longo do ano, o alumnado foi convidado a participar neste torneo pola súa monitora. Supuxo unha fermosa forma de pechar o traballo realizado nas aulas.

O torneo, organizado polo Concello da Coruña, é unha iniciativa orixinal da Fundación Recuperación Materiales Diversos (RMD) e da Asociación Chess4aBetterWorld. Estivo dirixido ao alumnado de Educación Primaria, de entre 6 e 12 anos, de centros públicos, concertados e privados da cidade.

Un dos principais obxectivos desta actividade foi transmitir valores de respecto e coidado do medio ambiente. De feito, a final do torneo disputouse sobre un impresionante taboleiro de xadrez xigante construído con materiais reciclados, concretamente a partir de 50 pneumáticos fóra de uso, instalado na praza de María Pita.

Ademais, o torneo buscou contribuír ao desenvolvemento educativo e persoal do alumnado a través do xadrez, favorecendo a aprendizaxe, o pensamento estratéxico e a mellora das competencias cognitivas e sociais. O compañeirismo, o traballo en equipo, a competitividade saudable e o orgullo de representar ao propio centro foron tamén valores fundamentais desta xornada.

Por último, lembramos que a actividade de xadrez terá o seu peche oficial no noso colexio cunha exhibición o martes 9 de xuño, ás 16:00 horas, nas aulas do centro, á que están convidadas todas as familias do alumnado participante.

Noraboa a Pablo, Hugo, Telmo, Cristian, Xoel e Mauro por representar ao noso centro con tanta implicación e entusiasmo.

martes, 19 de maio de 2026

As exhibicións das actividades extraescolares xa teñen data

Chega por fin ese momento do ano no que temos a oportunidade de ver con orgullo aos nosos pequenos e pequenas nas exhibicións das actividades extraescolares que desenvolveron ao longo do curso. Non só as familias desfrutan destas xornadas tan especiais, senón que os nenos e nenas, ilusionados e orgullosos do aprendido, darán o mellor de si diante de pais, nais, avós, familiares e amizades. É unha ocasión perfecta para compartir e celebrar toda a aprendizaxe e os bos momentos vividos durante o ano.


Dende a ANPA queremos animar a todas as familias a asistir e acompañalos nestes días tan importantes para eles. Estamos seguros de que será unha experiencia moi especial para todos.

Calendario das exhibicións e actividades

  • Fútbol:  Mércores 20 de maio (4º, 5º e 6º) e luns 25 de maio (1º, 2º e 3º) ás 16:00 horas no pabillón.

  • ⁠Xadrez: Martes 9 de xuño, nas aulas, ás 16:00 horas.

  • ⁠Manitas: Mércoles 10 de xuño, nas aulas, ás 16:00 horas.

  • Patinaxe: Xoves 11 de xuño ás 16:00 horas no pabillón. Os nenos e nenas deberán asistir con camiseta branca e pantalón negro.

Agardamos contar coa vosa asistencia para desfrutar xuntos destas xornadas e pechar o curso celebrando todo o aprendido durante o curso.


xoves, 30 de abril de 2026

O Torre de Hércules volve ser sede do Campacole e máis novidades organizativas para o vindeiro curso

Queremos compartir varias novidades de interese para as familias do CEIP Torre de Hércules: a recuperación do Campacole con sede no noso centro, a apertura próxima dos campamentos municipais de verán 2026, a regularización das cotas da ANPA e a planificación das actividades extraescolares para o curso que vén.


Volve Campacole ao noso centro

Este ano conseguimos ser de novo sede do Campacole, o campamento organizado pola Federación Provincial de ANPAs da Coruña, e que se desenvolverá entre o 22 de xuño e o 31 de xullo.

Trátase dun recurso moi importante para a conciliación familiar, e a pesar de que nalgunhas outras edicións os nosos nenos e nenas tiveron que desprazarse a outros centros, nesta edición recuperamos a sede no propio colexio, algo que valoramos moi positivamente.

📅 Inscricións: 4, 5, 6 e 7 de maio

Podedes consultar aquí máis información

Campamentos municipais verán 2026

Pola súa banda, o Concello da Coruña oferta tamén este ano 6.116 prazas nos campamentos municipais de verán 2026. A campaña inclúe 8 modalidades diferentes en máis de 40 sedes en toda a cidade (centros educativos, centros cívicos, instalacións deportivas e outros espazos). As preinscripcións comezarán o luns da próxima semana. 

📅 Preinscricións: 4, 5, 6 e 7 de maio

Máis información:
https://www.coruna.gal/campamentos2026


Cota da ANPA: actualización e domiciliación

Queremos agradecer a colaboración das familias na regularización da cota anual da ANPA. Tras informar en febreiro dun atraso xeneralizado dos pagamentos (cunha participación inferior ao 40%), a día de hoxe practicamente todas as familias teñen a cota aboada, quedando tan só 4 pendentes. 

Lembramos que é obrigatorio estar dado de alta na ANPA para usar comedor e extraescolares. A cota mantense en 20 euros por curso e familia. 

A partir de agora, o cobro realizarase por domiciliación bancaria. En breve enviaremos a documentación para autorizar este sistema. O próximo cargo, correspondente ó curso 2026/27,  realizarase o vindeiro 15 de outubro.

Actividades extraescolares curso 2026-2027

Xa dispoñemos dunha proposta de actividades extraescolares propias (independentes das da Federación de ANPAs, que se coñecerán en setembro). Para poder organizalas correctamente, necesitamos coñecer o interese das familias.

📅 Prazo para manifestar interese: ata o 30 de maio

Rogámosvos que consultedes o plan de actividades e contactedes connosco por correo electrónico indicando o voso interese. Isto permitirá comprobar se se acada o número mínimo necesario para formar grupos.


Seguiremos informando de todas as novidades a través das nosas canles habituais: blogue, conta de Instagram e grupos de Whatsapp. Grazas, como sempre, pola vosa colaboración!

mércores, 25 de febreiro de 2026

Recordatorio importante sobre a cota da ANPA no curso actual

Dende a ANPA queremos facer un pequeno recordatorio respecto ao pagamento da cota anual deste curso. Somos conscientes de que o inicio de curso sempre trae moitas xestións e tarefas, e que ás veces pode quedar algún trámite pendente sen intención.

Actualmente existe un retraso xeneralizado no pagamento da cota. Lembramos que todas as familias que fan uso do comedor e das actividades extraescolares deben estar dadas de alta na ANPA e ter aboada a cota correspondente, e actualmente pouco máis do 40% realizou o pagamento. 

Se dubidades se fixestes ou non a alta/renovación e o pagamento, non vos preocupedes, xa que nos vindeiros días contactaremos coas familias que teñen este trámite pendente, cun recordatorio individual. 



Como facerse socio/a da ANPA

Para apoiar e participar nas actividades que xestiona a ANPA ao longo do ano é importante:

1.⁠ ⁠Darse de alta e facilitar os datos da familia a través do formulario correspondente.

2.⁠ ⁠Realizar o pagamento da cota anual.

Unha vez enviado o formulario, recibiredes un correo de confirmación. 

A cota de participación é de 20 euros por curso e por familia (independentemente do número de nenos/as no centro).


Forma de pago

Este ano o pagamento estase a realizar por transferencia bancaria, dando de prazo ata o:

📅 31 de marzo de 2026

Concepto: APELIDOS FAMILIA
Conta corrente: IBAN ES28 2080 0039 1130 0001 3175

É importante remitir o xustificante de pagamento por mail a: 📩 anpamontevixia@gmail.com

Para calquera dúbida ou dificultade podedes escribirnos a ese mesmo correo. Estamos para axudarvos.


Mellora para o vindeiro curso

Sabemos que ter que facer este trámite cada ano pode resultar repetitivo e que, en ocasións, mesmo pode xurdir a dúbida de se o pago xa foi realizado ou non.

Co obxectivo de facilitar o proceso e facelo máis automático, a partir do vindeiro curso, unha vez  inscritas na ANPA, solicitarase ás familias autorización para realizar o cobro mediante domiciliación bancaria, evitando así ter que reconfirmar a renovación cada ano.

Por suposto, existirá sempre unha opción sinxela para comunicar a baixa da ANPA cando a familia abandone o centro ou decida deixar de ser socia, evitando así calquera cobro indebido.

Agradecemos moito a vosa colaboración e implicación. A ANPA e todas as actividades organizadas son posibles grazas ao apoio das familias e ao compromiso compartido co benestar do alumnado.

martes, 10 de febreiro de 2026

A ANPA Monte Vixía apoia a mobilización pola escola pública

Dende a ANPA Monte Vixía queremos informar ás familias de que apoiamos a próxima mobilización convocada pola Federación de ANPAS en defensa dunha escola pública digna e de calidade para o sábado 28 de febreiro na Coruña.


📍 Lugar: A Coruña
📅 Data: Sábado, 28 de febreiro
🕚 Hora: 11:00 horas
➡️ Saída: Praza Ourense
🚶 Percorrido: ata o Paseo do Parrote


Sumámonos a esta mobilización porque a situación da escola pública non é nova. Leva anos acumulando carencias estruturais mentres as respostas das administracións chegan en forma de parches tardíos e claramente insuficientes.


Que está a pasar?

A realidade que viven moitos centros educativos é preocupante:

Aulas masificadas con ratios excesivas

Profesorado sobrecargado e sen recursos suficientes

Falta de especialistas e de persoal de apoio e coidados

Atención insuficiente ao alumnado con NEE e NEAE

Instalacións avellentadas e, nalgúns casos, perigosas

Problemas de limpeza e salubridade

Graves carencias de accesibilidade nos centros

👉 No urbano e no rural. En todos lados.


Por que nos mobilizamos?

Porque:

As ratios legais non garanten unha atención educativa adecuada nin unha inclusión real

Os recursos humanos son insuficientes e inestables

O alumnado con NEE e NEAE non recibe os apoios necesarios

O mantemento dos centros depende da urxencia, non da planificación

Familias e profesorado están asumindo responsabilidades que corresponden ás administracións públicas


Estase a reclamar:

✔️ Planificación real e eficacia administrativa

✔️ Recursos humanos suficientes

✔️ Un orzamento digno e estable

✔️ Planificación a medio e longo prazo

✔️ Criterios claros, públicos e obxectivos de intervención

📢 Animamos ás familias a participar e facer visible esta reivindicación colectiva.