viernes, 11 de febrero de 2022

A ANPA PRECISA COLABORACIÓN DAS FAMILIAS

 Prezadas familias,

        Como xa sabedes, o traballo da ANPA é voluntario e del depende o funcionamento de servizos fundamentais para a nosa conciliación familiar como son os de madrugadores, o comedor ou as actividades extraescolares. Agora mesmo, e en gran medida debido á situación sanitaria, somos poucas as persoas que nos encargamos de xestionar estes servizos e en moitos casos consumen todas as nosas enerxías e tempo libre, polo que coutan a posibilidade de botarlle man a outras cuestións.


Neste sentido, sería interesante para toda a comunidade educativa poder contar cun grupo de persoas interesadas en traballar nalgúns dos moitos aspectos que podemos mellorar do funcionamento do noso centro. Para xestionar dunha maneira participativa as vosas colaboracións, ocorréusenos crear unhas comisións que reflictan as liñas principais do noso traballo. Estas comisións van servir tanto para recoller ideas e iniciativas, como para ter apoios puntuais en momentos nos que necesitamos que nos boten unha man ou para poder poñer en marcha proxectos para os que non damos feito.

Para botar a andar estas comisións imos crear diferentes grupos de whatsapp. Son os seguintes:

1. Comedor: seguimento de incidencias, posibles variacións comida /horarios, incidencias,...


2. Actividades extraescolares: seguimento das actividades, planificación, propostas novas, cambios, apoio nos días de exhibición…


3. Comunicación: deseño de carteis, notas no blogue, novas ideas, rrss


4. Proxectos: desenvolvemento doutras iniciativas dentro do centro escolar, proxectos de igualdade, colaboración cos centros penitencANiarios, O noso patio


5. Grupo da horta: xa en activo; acéptanse novas incorporacións.


Como traballo voluntario que é o da ANPA, cada quen pode colaborar na medida que queira e co que lle pareza: podedes achegar as vosas ideas, algo do voso tempo, parte dos vosos coñecementos, colaborar na toma de decisións...


Para participar, escribidenos! Esperámosvos!

E-mail:anpaesanjurjo@gmail.com

Whatapp: 604 049 984

martes, 8 de febrero de 2022

O Concello pide retirar as casas de madeira donadas ao patio do cole

 

Como moitas familias sabedes, este ano estreámolo cunhas construcións de madeira novas no noso patio. Estes xogos foron realizados dentro do proxecto "Un patio para tod@s", que se iniciou dende a ANPA en colaboración co CEIP, a empresa FINSA (que doou a madeira) e a Fundación Érguete Integración (quen fixo de intermediaria cos Centros Penitenciarios). Un proxecto que trata de mellorar e facer máis diverso o patio no que xogan @s nos@s fill@s. Un proxecto que foi presentado e aceptado tanto pola dirección do centro como pola Concellería, que amosaron o seu apoio dende o primeiro momento.

Na primeira actividade do proxecto, que case todos a coñecedes porque arrancou o último día do curso pasado 2020/21, todo o alumnado recibiu unha ovelliña feita en arxila por persoas que participan en talleres ocupacionais en centros penitenciarios da provincia. Este pequeno agasallo acompañábase dun vídeo onde as persoas que o realizaban recoñecían o esforzo do alumnado despois de pasar un ano tan dificil pola covid.

Como segunda proposta, o taller ocupacional de madeira do Centro de Inserción Social, grazas a unha doazón feita pola empresa FINSA, realiza dúas casas de madeira, unha cociña infantil, dúas mesas de picnic, unha horta vertical e un mural con casiñas para paxaros que adorna todo o muro da horta.


 


Todas estas propostas son deseñadas na liña de seguir traballando no proxecto O noso patio, un proxecto participativo comunitario que naceu no noso cole hai anos co propósito de deseñar unha zona de patio máis inclusiva, actualizada e vencellada coa natureza.

Agora queremos informarvos do punto no que nos atopamos con este proxecto, xa que nos parece moi grave: Os nenos e nenas non están puidendo xogar coas dúas casas de madeira nin coa cociña, xa que o Concello fixo chegar ao cole un informe da empresa coa que traballan no que nos informaba de supostas deficiencias e advertía de que "todos os xogos de patio debían estar certificados coa normativa europea vixente". 

A ANPA dende o primeiro momento se ofreceu a amañar as posibles deficiencias que puideran ter as construcións para manter a seguridade e benestar do alumnado e con esta información na man, a directiva da ANPA decidiu contratar a unha empresa estatal de certificación de parques infantís (SANPE INGENIERÍA) que analizou toda a zona de xogos do patio. Engadimos ao final deste post a ligazón a informe remitido pola empresa certificadora, sendo dúas as conclusións máis importantes do mesmo:

- Dan conformidade ás dúas casas e cociña de madeira infantil entregadas pola ANPA

- Atopan algunhas deficiencias no estado do parque infantil do centro, que debe amañar o Concello

Despois de entregar dende a ANPA dito informe técnico, o Concello pecha a zona do parque infantil do patio o 20 de decembro para supostamente amañar todas esas deficiencias (e é reaberto na primeira semana de febreiro de 2022, dous meses despois) e nos convoca a unha reunión telemática para informarnos de que o informe técnico que presenta a ANPA expedido pola empresa SANPE INGENIERÍA non se dá por válido para as casas e a cociña de madeira, co que temos que pasar a retirar as casas ou ben pedir unha ampliación do informe á empresa que o expediu. 

Tras contactar con SANPE INGENIERÍA, a empresa certificadora respóndenos que non existen ampliacións de informes e que no seu traballo seguiron o procedemento que teñen dentro da experiencia en certificacións de parques infantís (certifican unos 3.500 ao ano). 

Queremos informarvos a todas as familias, de que non estamos conformes con este procedemento do Concello e é por iso que queremos presentar un escrito para que dende a administración local se nos comunique por escrito a argumentación pola que invalidan un informe técnico expedido por unha empresa certificadora de parques infantís.

Mentres tanto, dende a ANPA seguiremos traballando para que o noso CEIP sexa cada vez un espazo máis inclusivo e vencellado coa contorna e a natureza. 

Materias relacionados:

- Informe que entrega o Concello ao CEIP

- Informe da empresa SANPE INGENIERÍA que contrata o ANPA