Como moitas familias sabedes, este ano estreámolo cunhas construcións de madeira novas no noso patio. Estes xogos foron realizados dentro do proxecto "Un patio para tod@s", que se iniciou dende a ANPA en colaboración co CEIP, a empresa FINSA (que doou a madeira) e a Fundación Érguete Integración (quen fixo de intermediaria cos Centros Penitenciarios). Un proxecto que trata de mellorar e facer máis diverso o patio no que xogan @s nos@s fill@s. Un proxecto que foi presentado e aceptado tanto pola dirección do centro como pola Concellería, que amosaron o seu apoio dende o primeiro momento.
Na primeira actividade do proxecto, que case todos a coñecedes porque arrancou o último día do curso pasado 2020/21, todo o alumnado recibiu unha ovelliña feita en arxila por persoas que participan en talleres ocupacionais en centros penitenciarios da provincia. Este pequeno agasallo acompañábase dun vídeo onde as persoas que o realizaban recoñecían o esforzo do alumnado despois de pasar un ano tan dificil pola covid.
Como segunda proposta, o taller ocupacional de madeira do Centro de Inserción Social, grazas a unha doazón feita pola empresa FINSA, realiza dúas casas de madeira, unha cociña infantil, dúas mesas de picnic, unha horta vertical e un mural con casiñas para paxaros que adorna todo o muro da horta.
Todas estas propostas son deseñadas na liña de seguir traballando no proxecto O noso patio, un proxecto participativo comunitario que naceu no noso cole hai anos co propósito de deseñar unha zona de patio máis inclusiva, actualizada e vencellada coa natureza.
Agora queremos informarvos do punto no que nos atopamos con este proxecto, xa que nos parece moi grave: Os nenos e nenas non están puidendo xogar coas dúas casas de madeira nin coa cociña, xa que o Concello fixo chegar ao cole un informe da empresa coa que traballan no que nos informaba de supostas deficiencias e advertía de que "todos os xogos de patio debían estar certificados coa normativa europea vixente".
A ANPA dende o primeiro momento se ofreceu a amañar as posibles deficiencias que puideran ter as construcións para manter a seguridade e benestar do alumnado e con esta información na man, a directiva da ANPA decidiu contratar a unha empresa estatal de certificación de parques infantís (SANPE INGENIERÍA) que analizou toda a zona de xogos do patio. Engadimos ao final deste post a ligazón a informe remitido pola empresa certificadora, sendo dúas as conclusións máis importantes do mesmo:
- Dan conformidade ás dúas casas e cociña de madeira infantil entregadas pola ANPA
- Atopan algunhas deficiencias no estado do parque infantil do centro, que debe amañar o Concello
Despois de entregar dende a ANPA dito informe técnico, o Concello pecha a zona do parque infantil do patio o 20 de decembro para supostamente amañar todas esas deficiencias (e é reaberto na primeira semana de febreiro de 2022, dous meses despois) e nos convoca a unha reunión telemática para informarnos de que o informe técnico que presenta a ANPA expedido pola empresa SANPE INGENIERÍA non se dá por válido para as casas e a cociña de madeira, co que temos que pasar a retirar as casas ou ben pedir unha ampliación do informe á empresa que o expediu.
Tras contactar con SANPE INGENIERÍA, a empresa certificadora respóndenos que non existen ampliacións de informes e que no seu traballo seguiron o procedemento que teñen dentro da experiencia en certificacións de parques infantís (certifican unos 3.500 ao ano).
Queremos informarvos a todas as familias, de que non estamos conformes con este procedemento do Concello e é por iso que queremos presentar un escrito para que dende a administración local se nos comunique por escrito a argumentación pola que invalidan un informe técnico expedido por unha empresa certificadora de parques infantís.
Mentres tanto, dende a ANPA seguiremos traballando para que o noso CEIP sexa cada vez un espazo máis inclusivo e vencellado coa contorna e a natureza.
Materias relacionados:
- Informe que entrega o Concello ao CEIP
- Informe da empresa SANPE INGENIERÍA que contrata o ANPA