Amosando publicacións coa etiqueta novas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta novas. Amosar todas as publicacións

mércores, 28 de xaneiro de 2026

Nova directiva da ANPA Monte Vixía

O pasado 11 de decembro constituíuse a nova Xunta Directiva da ANPA Monte Vixía. Un novo grupo de nais e pais colleu o relevo tras o excelente traballo, a dedicación e o esforzo totalmente desinteresado do anterior equipo directivo, que despois de anos de implicación merecía un descanso máis que merecido.

Nesta asemblea renováronse tódolos cargos da directiva, quedando cubertos os postos de presidencia, vicepresidencia, secretaría, tesouraría e vogalías.


Novos membros da directiva da ANPA Monte Vixía
De esquerda a dereita: Sandra Iglesias, Lucía Martínez, Elena Pérez, Diego Vázquez, Alba Souto e Salva Leal, os novos membros da directiva da ANPA Monte Vixía


Comisións de traballo

Así mesmo, constituíronse distintas comisións de traballo para xestionar os principais ámbitos de actuación da ANPA. Estas comisións están formadas tanto por membros da nova directiva como por outras nais e pais que, sen formar parte dela, quixeron implicarse e colaborar.

Esta organización permite repartir mellor o traballo, facelo máis levadeiro e, sobre todo, garantir a continuidade de servizos fundamentais para a conciliación das familias.

As comisións creadas son as seguintes:

  • Comisión de Comedor
  • Comisión de Actividades Extraescolares
  • Comisión de Festas e Convivencia
  • Comisión de Subvencións e Xestión Económica
  • Comisión de Comunicación e Relación co Centro
  • Comisión de Edixgal


Membros da nova directiva


Elena Pérez | Presidenta
Nai de Martín, economista e gran defensora do ensino público. 
“O cole público foi moi importante para min cando era nena e agora faime especial satisfacción aportar o meu gran de area para que o noso cole sexa un espazo aínda máis acolledor e cheo de oportunidades.”



Lucía Martínez | Vicepresidenta
Nai de André, animadora sociocultural e bailadora. 

“Encántame formar parte deste equipo e contribuír a construír comunidade, mantendo viva a conexión coa nosa terra. Mirar ao pasado e ás nosas raíces axúdanos a comprender mellor o presente e a pensalo con máis conciencia.”







Sandra Iglesias | Secretaria
Nai de Uxía e mestra.

“Estar nesta directiva é a miña forma de implicarme un pouco máis no día a día do cole e de sumar para que siga sendo un espazo coidado, próximo e pensado para as crianzas.”







Diego Vázquez | Tesoureiro
De Ourense de nacemento e de Monte Alto por elección, aparellador e convencido do ensino público.

“Gústame colaborar e facer barrio, e por iso quero axudar a que o cole sexa un punto de encontro e cohesión para todas as familias.”







Alba Souto | Vogal
Nai de Pepe, delineante de formación e exalumna do CEIP Torre de Hércules.

“O cole foi para min unha segunda casa, chea de recordos felices, e faime ilusión poder colaborar para que o meu fillo tamén o viva así.”







 Salva Leal | Vogal

Das Pontes, pai de Artai e tío de Pepe, deportivista convicto e casado cunha montealtina.

“Quero botar unha man en todo o que poida para que o meu fillo, o meu sobriño e os seus compis desfruten dun ensino público de calidade e dun cole seguro, divertido e onde se sintan ben.”









Atención ás familias e contacto

O contacto da ANPA seguirá sendo o mesmo. Como novidade, e con carácter inmediato, representantes da ANPA ofrecerán atención presencial no colexio tódolos martes de 16:00 a 18:00 horas, no espazo do comedor. 

Lembramos os datos de contacto da ANPA:

📧 Correo electrónico: anpamontevixia@gmail.com

📞 Teléfono: 604 049 984

👉 Recordade que as altas como socios e socias da ANPA fanse a través do seguinte formulario.

Por que é importante formar parte da ANPA?

Queremos lembrar que formar parte da ANPA vai moito máis alá de poder acceder a servizos como o comedor, madrugadores ou as actividades extraescolares.

A ANPA é a voz colectiva das familias dentro do centro educativo e o seu principal interlocutor co colexio e coas administracións. Cantas máis familias formemos parte del, máis forte e representativa será esa voz.

Ademais, todo o traballo da ANPA realízase de maneira voluntaria, altruísta e desinteresada, dedicando tempo persoal para mellorar a vida escolar dos nosos fillos e fillas e contribuír ao bo funcionamento do centro.

Participar na ANPA é, en definitiva, implicarse na educación, na convivencia e no benestar de toda a comunidade educativa.

martes, 8 de febreiro de 2022

O Concello pide retirar as casas de madeira donadas ao patio do cole

 

Como moitas familias sabedes, este ano estreámolo cunhas construcións de madeira novas no noso patio. Estes xogos foron realizados dentro do proxecto "Un patio para tod@s", que se iniciou dende a ANPA en colaboración co CEIP, a empresa FINSA (que doou a madeira) e a Fundación Érguete Integración (quen fixo de intermediaria cos Centros Penitenciarios). Un proxecto que trata de mellorar e facer máis diverso o patio no que xogan @s nos@s fill@s. Un proxecto que foi presentado e aceptado tanto pola dirección do centro como pola Concellería, que amosaron o seu apoio dende o primeiro momento.

Na primeira actividade do proxecto, que case todos a coñecedes porque arrancou o último día do curso pasado 2020/21, todo o alumnado recibiu unha ovelliña feita en arxila por persoas que participan en talleres ocupacionais en centros penitenciarios da provincia. Este pequeno agasallo acompañábase dun vídeo onde as persoas que o realizaban recoñecían o esforzo do alumnado despois de pasar un ano tan dificil pola covid.

Como segunda proposta, o taller ocupacional de madeira do Centro de Inserción Social, grazas a unha doazón feita pola empresa FINSA, realiza dúas casas de madeira, unha cociña infantil, dúas mesas de picnic, unha horta vertical e un mural con casiñas para paxaros que adorna todo o muro da horta.


 


Todas estas propostas son deseñadas na liña de seguir traballando no proxecto O noso patio, un proxecto participativo comunitario que naceu no noso cole hai anos co propósito de deseñar unha zona de patio máis inclusiva, actualizada e vencellada coa natureza.

Agora queremos informarvos do punto no que nos atopamos con este proxecto, xa que nos parece moi grave: Os nenos e nenas non están puidendo xogar coas dúas casas de madeira nin coa cociña, xa que o Concello fixo chegar ao cole un informe da empresa coa que traballan no que nos informaba de supostas deficiencias e advertía de que "todos os xogos de patio debían estar certificados coa normativa europea vixente". 

A ANPA dende o primeiro momento se ofreceu a amañar as posibles deficiencias que puideran ter as construcións para manter a seguridade e benestar do alumnado e con esta información na man, a directiva da ANPA decidiu contratar a unha empresa estatal de certificación de parques infantís (SANPE INGENIERÍA) que analizou toda a zona de xogos do patio. Engadimos ao final deste post a ligazón a informe remitido pola empresa certificadora, sendo dúas as conclusións máis importantes do mesmo:

- Dan conformidade ás dúas casas e cociña de madeira infantil entregadas pola ANPA

- Atopan algunhas deficiencias no estado do parque infantil do centro, que debe amañar o Concello

Despois de entregar dende a ANPA dito informe técnico, o Concello pecha a zona do parque infantil do patio o 20 de decembro para supostamente amañar todas esas deficiencias (e é reaberto na primeira semana de febreiro de 2022, dous meses despois) e nos convoca a unha reunión telemática para informarnos de que o informe técnico que presenta a ANPA expedido pola empresa SANPE INGENIERÍA non se dá por válido para as casas e a cociña de madeira, co que temos que pasar a retirar as casas ou ben pedir unha ampliación do informe á empresa que o expediu. 

Tras contactar con SANPE INGENIERÍA, a empresa certificadora respóndenos que non existen ampliacións de informes e que no seu traballo seguiron o procedemento que teñen dentro da experiencia en certificacións de parques infantís (certifican unos 3.500 ao ano). 

Queremos informarvos a todas as familias, de que non estamos conformes con este procedemento do Concello e é por iso que queremos presentar un escrito para que dende a administración local se nos comunique por escrito a argumentación pola que invalidan un informe técnico expedido por unha empresa certificadora de parques infantís.

Mentres tanto, dende a ANPA seguiremos traballando para que o noso CEIP sexa cada vez un espazo máis inclusivo e vencellado coa contorna e a natureza. 

Materias relacionados:

- Informe que entrega o Concello ao CEIP

- Informe da empresa SANPE INGENIERÍA que contrata o ANPA



martes, 30 de abril de 2019

GRUPO BALONCESTO 3 CLASIFICADO. XOGOS POPULARES



Parabéns ao grupo de Baloncesto do CEIP Sanjurjo de Carricarte por ser o 3º clasificado  nos Xogos populares 2018/2019.



venres, 15 de marzo de 2019

INVASIÓN NOCTURNA




O pasado10 de marzo, tivemos unha invasión nocturna no centro, un grupo de persoas desfrutaron das instalación do CEIP Sanjurjo de Carricarte para reunirse e divertirse. Ata ahí todo vai ben. Pero non respectaron os espazos deixando todo sucio, con restos de cristais e cabichas, destrozaron o espantallo Hércules entre outras accións.




Desde a ANPA queremos reiterar a nosa denuncia ante as persoas incívicas que no coidan e respectan os espazos, por iso informamos ao centro, o concello, os medios de comunicación, asociación veciños/as, e a sociedade da situación.
Púxemonos en contacto coas persoas educadoras de rúa do barrio e pedímoslle unha reunión.

“O noso patio” é un proxecto transversal do centro que procura entre outros moitos obxectivos cambiar a configuración do patio e os seus usos, como espazo de oportunidades educativas, fomentando actividades diversas, lúdicas e variadas que fomenten a igualdade de xénero e a integración social, transformando estes espazos a través dun proceso participativo continuo e sostible, traballar conxuntamente, incidindo en valores de integración, tolerancia, diálogo, esforzo e ilusión, mellorar a convivencia, fomentar a participación e dotar de responsabilidade ao alumnado e reducir o vandalismo na contorna abrindo os espazos a desfrute da comunidade. E é aquí onde consideramos que está unha das claves.

Deixámosvos o enlace a noticia na TVG (minuto 24.16)



E os enlaces da prensa


Despois do acontecido na escola ao inicio desta semana a Comunidade Escolar do Ceip Sanjurjo de Carricarte púxose mans á obra na loita por conservar os espazos en condicións adecuadas.

Como de todo pódese sacar unha ensinanza e non é posible deixar pasar a oportunidade de aprender que cando ven unha inxustiza hai que loitar contra ela. Decidiuse intervir unha vez máis nas zonas verdes do patio.

Recollemos, reconstruímos a Hércules, o espantallo, plantamos garzas a colaboracións de Jorje, coa axuda voluntaria de Nuria Eguren replantaron a cabana de vimbios e fixeron grupo.

Así é como o Sanjurjo loita contra o vandalismo, educando no coidado e respecto polos espazos públicos.










xoves, 30 de marzo de 2017

Novas!

Onte publicouse na páxina do concello a nova sobre o inicio da reforma do patio do cole. Aquí tedes o enlace. En Coruña online tamén o contan, e ademáis, teñen o plano de cómo quedará o cole.


Qué vos parece?

xoves, 26 de xaneiro de 2017

Amianto nos centros educativos

Achegamos a carta de CONFAPA-GALICIA enviada á Consellería de Eduación solicitando a retirada, con todas as medidas de seguridade, das cubertas de amianto que quedan en moitos dos nosos Centros Educativos. Este escrito foi dirixido tamén ás Consellerías de Sanidade, Industria, Infraestructuras e a Valedora do Pobo. 

https://drive.google.com/open?id=0B3IWkZnrWXapRVl6MHBac1k4c0U


venres, 20 de xaneiro de 2017

Saímos nos períodicos!

Esta semana saímos moito nos medios.
Como casi todos saberedes, o outro día entraron a roubar no centro, e así o recolleron en El Ideal Gallego. A verdad, é tristemente frecuente que se entre á forza no cole, a ver se con esto de saír na prensa, aos ladróns lles entra o medo... aínda que sexa escénico!

Por outra banda, o alcalde recibiu onte a varios membros da nosa comunidade educativa, que achegaron a maqueta definitiva do proxecto O noso patio. Neste enlace tedes a nova na web do concello, pero tamén o contan en La Opinión de A Coruña e teñen unha chea de fotos do evento que podedes ver neste enlace.
O concello tamén colgou no sea facebook varias fotos


sábado, 24 de decembro de 2016

Xoguetes

Xa veña á nosa casa o Apalpador, os Reis Magos ou Papa Noel, deixará seguramente algún xoguete para ós nosos nenos. Hai uns días, El Mundo titulaba: Pasillo rosa: ¿el fin del sexismo en los juguetes?
Se queredes, podedes botarlle un ollo. Eu tampoco entendo, como din no artigo, que se cambien os colores dos legos para que lles resulten máis atractivos ás nenas (ou teríamos que dicir ós pais?)
Qué pensades? Hai xoguetes para nenos e xoguetes para nenas? 
Eu levo anos utilizando esta guía que me axuda a diferenciar fácilmente se un xoguete é para neno ou para nena...😉

Boas festas!!!

venres, 9 de decembro de 2016

Xogos violentos

Recollemos hoxe esta nova publicada no Ideal Gallego:

El ANPA del Rafael Dieste alerta sobre un juego violento que se extiende entre los niños

A mecánica deste xogo é simple, simplemente cómpre golpear o esternón dalgún compañeiro ou compañeira desprevido... Como din no xornal, hai que estar atentos a este tipo de comportamentos e tentar erradicalos.