xoves, 30 de abril de 2026

O Torre de Hércules volve ser sede do Campacole e máis novidades organizativas para o vindeiro curso

Queremos compartir varias novidades de interese para as familias do CEIP Torre de Hércules: a recuperación do Campacole con sede no noso centro, a apertura próxima dos campamentos municipais de verán 2026, a regularización das cotas da ANPA e a planificación das actividades extraescolares para o curso que vén.


Volve Campacole ao noso centro

Este ano conseguimos ser de novo sede do Campacole, o campamento organizado pola Federación Provincial de ANPAs da Coruña, e que se desenvolverá entre o 22 de xuño e o 31 de xullo.

Trátase dun recurso moi importante para a conciliación familiar, e a pesar de que nalgunhas outras edicións os nosos nenos e nenas tiveron que desprazarse a outros centros, nesta edición recuperamos a sede no propio colexio, algo que valoramos moi positivamente.

📅 Inscricións: 4, 5, 6 e 7 de maio

Podedes consultar aquí máis información

Campamentos municipais verán 2026

Pola súa banda, o Concello da Coruña oferta tamén este ano 6.116 prazas nos campamentos municipais de verán 2026. A campaña inclúe 8 modalidades diferentes en máis de 40 sedes en toda a cidade (centros educativos, centros cívicos, instalacións deportivas e outros espazos). As preinscripcións comezarán o luns da próxima semana. 

📅 Preinscricións: 4, 5, 6 e 7 de maio

Máis información:
https://www.coruna.gal/campamentos2026


Cota da ANPA: actualización e domiciliación

Queremos agradecer a colaboración das familias na regularización da cota anual da ANPA. Tras informar en febreiro dun atraso xeneralizado dos pagamentos (cunha participación inferior ao 40%), a día de hoxe practicamente todas as familias teñen a cota aboada, quedando tan só 4 pendentes. 

Lembramos que é obrigatorio estar dado de alta na ANPA para usar comedor e extraescolares. A cota mantense en 20 euros por curso e familia. 

A partir de agora, o cobro realizarase por domiciliación bancaria. En breve enviaremos a documentación para autorizar este sistema. O próximo cargo, correspondente ó curso 2026/27,  realizarase o vindeiro 15 de outubro.

Actividades extraescolares curso 2026-2027

Xa dispoñemos dunha proposta de actividades extraescolares propias (independentes das da Federación de ANPAs, que se coñecerán en setembro). Para poder organizalas correctamente, necesitamos coñecer o interese das familias.

📅 Prazo para manifestar interese: ata o 30 de maio

Rogámosvos que consultedes o plan de actividades e contactedes connosco por correo electrónico indicando o voso interese. Isto permitirá comprobar se se acada o número mínimo necesario para formar grupos.


Seguiremos informando de todas as novidades a través das nosas canles habituais: blogue, conta de Instagram e grupos de Whatsapp. Grazas, como sempre, pola vosa colaboración!