Un equipo do CEIP Torre de Hércules participou o pasado sábado 23 de maio no Torneo de xadrez escolar Pequeños Gigantes, celebrado na praza de María Pita. Pablo, Hugo, Telmo, Cristian, Xoel e Mauro representaron ao noso centro cunha excelente participación e moita ilusión, acompañados pola súa monitora Natalia.
Dentro da actividade de xadrez que se impartiu no centro durante o curso escolar como actividade extraescolar, e como parte da súa experiencia de aprendizaxe ao longo do ano, o alumnado foi convidado a participar neste torneo pola súa monitora. Supuxo unha fermosa forma de pechar o traballo realizado nas aulas.
O torneo, organizado polo Concello da Coruña, é unha iniciativa orixinal da Fundación Recuperación Materiales Diversos (RMD) e da Asociación Chess4aBetterWorld. Estivo dirixido ao alumnado de Educación Primaria, de entre 6 e 12 anos, de centros públicos, concertados e privados da cidade.
Un dos principais obxectivos desta actividade foi transmitir valores de respecto e coidado do medio ambiente. De feito, a final do torneo disputouse sobre un impresionante taboleiro de xadrez xigante construído con materiais reciclados, concretamente a partir de 50 pneumáticos fóra de uso, instalado na praza de María Pita.
Ademais, o torneo buscou contribuír ao desenvolvemento educativo e persoal do alumnado a través do xadrez, favorecendo a aprendizaxe, o pensamento estratéxico e a mellora das competencias cognitivas e sociais. O compañeirismo, o traballo en equipo, a competitividade saudable e o orgullo de representar ao propio centro foron tamén valores fundamentais desta xornada.
Por último, lembramos que a actividade de xadrez terá o seu peche oficial no noso colexio cunha exhibición o martes 9 de xuño, ás 16:00 horas, nas aulas do centro, á que están convidadas todas as familias do alumnado participante.
Noraboa a Pablo, Hugo, Telmo, Cristian, Xoel e Mauro por representar ao noso centro con tanta implicación e entusiasmo.
