O primeiro punto da orde do día foi a adhesión do colexio ao Programa eDixgal, o programa de dixitalización da Xunta para establecer o libro electrónico nos cursos de 5º e 6º Priimaria. Un programa ao que xa pertenceu o colexio pero que saíu en 2017, e que agora volve un pouco obrigado pola mala calidade do servizo que ofrece o proxecto Abalar. É dicir, explicaron que a Xunta estaba invitando aos centros a cambiar Abalar por eDixgal, polo que os que mantiñamos o Abalar tiñamos equipos electrónicos moi vellos imposibles de utilizar.
Antes as dúbidas que formulou a ANPA sobre o uso excesivo das pantallas a esas idades, a dirección asegurou que vai ser unha aprendizaxe mixta, e que se vai seguir traballando con libreta e boli, e que o libro electrónico vai ser material de apoio pero non o único.
O profesorado terá que facer varias sesións formativas, e o colexio convocará unha reunión coas familias previa a comezo do curso para explicar o uso dos novos ordenadores que cada alumn@ poderá levar para casa. A adhesión foi aprobada por unanimidade.
O segundo punto deu conta do proceso de matriculación, dando conta das 21 solicitudes que temos para o vindeiro curso en 4º Infantil, e 1 para 6º Primaria. A matrícula ordinaria formalizarase do 20 ao 30 de xuño, pero tendes toda a información na web do centro.
Dirección explicou, por encima, a celebración, a semana pasada, da Comisión de Convivencia: dende a ANPA estamos traballando na organización de varios obradoiros de resolución de conflitos para desenvolver con familias e profesorado, a través do CFR (Centro de Formación e Recursos do Profesorado da Coruña).
Propuxemos tamén a idea de tratar cos Axentes de Convivencia da Policía Local (que fan obradoiros) e trasladamos que a Xunta ten unha Unidade Específica sobre Bulling, que no seu caso podería ser convocada.
O último punto da orde do día era dar parte da compra dun novo sistema de megafonía, que permitirá que a secretaria poida realizar a súa playlist con maior liberdade. Sinalaron que a música da mañá non sei escoita na entrada porque os altofalantes están enfocados para o patio, en parte para non molestar aos edificios de enfronte.
Nos Rogos e Preguntas trasladamos algunhas das inquedanzas que fumos falando no seo da ANPA estes días.
Pedimos ampliar a zona amarela na entrada do cole para evitar os coches durante as entradas e saídas. Sinalaron que xa se pintou este mes de setembro unha zona amarela (o ano pasado apenas había metro e medio) pero tanto o centro como o ANPA podemos solicitar ao Concello ampliar a zona de prohibido aparcar.
Preguntamos pola lista de melloras que necesita o centro. Dende o centro mantense un listado actualizado constantemente, en contacto directo co Concello e Xunta para ir solventando problemáticas e aceptan lle enviemos ao correo do centro as necesidades que vexamos que precisan mantemento.
Por último, propuxemos poñer en valor a Multiculturalidade que temos a día de hoxe no noso centro. Caeu ben a idea de que o proxecto vinculado coa Multiculturalidade podería ser un fío condutor do curso que vén para todo o centro.