mércores, 25 de febreiro de 2026

Recordatorio importante sobre a cota da ANPA no curso actual

Dende a ANPA queremos facer un pequeno recordatorio respecto ao pagamento da cota anual deste curso. Somos conscientes de que o inicio de curso sempre trae moitas xestións e tarefas, e que ás veces pode quedar algún trámite pendente sen intención.

Actualmente existe un retraso xeneralizado no pagamento da cota. Lembramos que todas as familias que fan uso do comedor e das actividades extraescolares deben estar dadas de alta na ANPA e ter aboada a cota correspondente, e actualmente pouco máis do 40% realizou o pagamento. 

Se dubidades se fixestes ou non a alta/renovación e o pagamento, non vos preocupedes, xa que nos vindeiros días contactaremos coas familias que teñen este trámite pendente, cun recordatorio individual. 



Como facerse socio/a da ANPA

Para apoiar e participar nas actividades que xestiona a ANPA ao longo do ano é importante:

1.⁠ ⁠Darse de alta e facilitar os datos da familia a través do formulario correspondente.

2.⁠ ⁠Realizar o pagamento da cota anual.

Unha vez enviado o formulario, recibiredes un correo de confirmación. 

A cota de participación é de 20 euros por curso e por familia (independentemente do número de nenos/as no centro).


Forma de pago

Este ano o pagamento estase a realizar por transferencia bancaria, dando de prazo ata o:

📅 31 de marzo de 2026

Concepto: APELIDOS FAMILIA
Conta corrente: IBAN ES28 2080 0039 1130 0001 3175

É importante remitir o xustificante de pagamento por mail a: 📩 anpamontevixia@gmail.com

Para calquera dúbida ou dificultade podedes escribirnos a ese mesmo correo. Estamos para axudarvos.


Mellora para o vindeiro curso

Sabemos que ter que facer este trámite cada ano pode resultar repetitivo e que, en ocasións, mesmo pode xurdir a dúbida de se o pago xa foi realizado ou non.

Co obxectivo de facilitar o proceso e facelo máis automático, a partir do vindeiro curso, unha vez  inscritas na ANPA, solicitarase ás familias autorización para realizar o cobro mediante domiciliación bancaria, evitando así ter que reconfirmar a renovación cada ano.

Por suposto, existirá sempre unha opción sinxela para comunicar a baixa da ANPA cando a familia abandone o centro ou decida deixar de ser socia, evitando así calquera cobro indebido.

Agradecemos moito a vosa colaboración e implicación. A ANPA e todas as actividades organizadas son posibles grazas ao apoio das familias e ao compromiso compartido co benestar do alumnado.

martes, 10 de febreiro de 2026

A ANPA Monte Vixía apoia a mobilización pola escola pública

Dende a ANPA Monte Vixía queremos informar ás familias de que apoiamos a próxima mobilización convocada pola Federación de ANPAS en defensa dunha escola pública digna e de calidade para o sábado 28 de febreiro na Coruña.


📍 Lugar: A Coruña
📅 Data: Sábado, 28 de febreiro
🕚 Hora: 11:00 horas
➡️ Saída: Praza Ourense
🚶 Percorrido: ata o Paseo do Parrote


Sumámonos a esta mobilización porque a situación da escola pública non é nova. Leva anos acumulando carencias estruturais mentres as respostas das administracións chegan en forma de parches tardíos e claramente insuficientes.


Que está a pasar?

A realidade que viven moitos centros educativos é preocupante:

Aulas masificadas con ratios excesivas

Profesorado sobrecargado e sen recursos suficientes

Falta de especialistas e de persoal de apoio e coidados

Atención insuficiente ao alumnado con NEE e NEAE

Instalacións avellentadas e, nalgúns casos, perigosas

Problemas de limpeza e salubridade

Graves carencias de accesibilidade nos centros

👉 No urbano e no rural. En todos lados.


Por que nos mobilizamos?

Porque:

As ratios legais non garanten unha atención educativa adecuada nin unha inclusión real

Os recursos humanos son insuficientes e inestables

O alumnado con NEE e NEAE non recibe os apoios necesarios

O mantemento dos centros depende da urxencia, non da planificación

Familias e profesorado están asumindo responsabilidades que corresponden ás administracións públicas


Estase a reclamar:

✔️ Planificación real e eficacia administrativa

✔️ Recursos humanos suficientes

✔️ Un orzamento digno e estable

✔️ Planificación a medio e longo prazo

✔️ Criterios claros, públicos e obxectivos de intervención

📢 Animamos ás familias a participar e facer visible esta reivindicación colectiva.

venres, 6 de febreiro de 2026

Festa de Entroido no Torre de Hércules: disfrázate e participa no noso concurso. Hai premios!

A ANPA Monte Vixía convida a todas as familias a celebrar o Entroido cunha tarde chea de diversión, xogos e música, que culminará cun Concurso de Disfraces con premios. Unha festa pensada para gozar xuntos, deixar voar a imaxinación e encher o cole de cor e sorrisos.


📍 Onde: CEIP Torre de Hércules
📅 Cando: venres, 13 de febreiro
Horario: de 16:00 a 18:30 horas

Actividades para gozar sen parar

Durante a tarde, os nenos e nenas poderán participar en diferentes actividades pensadas para divertirse ao máximo:

🎨 Obradoiro de maquillaxe e chapas
⚽ Xogos deportivos e paracaídas
🎶 Música e bailes para non parar de moverse

E, como non podía ser doutro xeito…

Concurso de disfraces

O momento estrela da festa será o noso Concurso de Disfraces, no que repartiremos 3 premios moi especiais:

🏆 Mellor grupo

Premio: tarxeta regalo para entradas de cine

🏆 Disfraz máis orixinal

Premio: camiseta do Deportivo

🏆 Disfraz máis simpático

Premio: un cono de chuches

Así que xa sabes… vén disfrazado/a e con ganas de pasalo ben 🥳
Non importa se é un disfrace elaborado ou algo improvisado: o importante é participar e desfrutar.

Merendola compartida

Animámosvos tamén a traer un doce típico de Entroido para compartir na merenda entre todos os nenos e nenas. Entre todos faremos unha merendola máis rica e especial.

Agardamos vervos a todas as familias para celebrar xuntos unha tarde inesquecible de Entroido. Porque xuntos facemos ANPA… e xuntos celebramos mellor!

domingo, 1 de febreiro de 2026

Apertura do patio e da biblioteca polas tardes e volta da atención presencial da ANPA

Dende a ANPA Monte Vixía queremos compartir con todas as familias dúas novidades importantes de cara a 2026, que xa se fixeron efectivas e que están relacionadas co acceso ao centro educativo e coa atención presencial ás familias por parte dos membros da ANPA: a apertura do patio e da biblioteca polas tardes e volta da atención presencial da ANPA.



Apertura do patio e da biblioteca en horario de tarde

A dirección do centro confirmounos que tanto o patio do colexio como a biblioteca están abertos para o uso por parte do alumnado do centro en horario de tarde de luns a xoves, de 16:00 a 18:00 horas, sempre que os nenos e nenas vaian acompañados dun adulto.

Trátase dunha gran oportunidade para que o alumnado poida reunirse cos seus compañeiros nun espazo cuberto e seguro, especialmente tendo en conta que o tempo está a poñer difícil o uso dos parques desde que comezou o inverno. Ademais, é tamén unha fantástica ocasión para fomentar a lectura, grazas ao amplo catálogo de libros dispoñibles na biblioteca do centro.

Queremos lembrar que o colexio sufriu no pasado roubos e actos vandálicos, polo que se extremaron as medidas de seguridade para evitar que estes desagradables incidentes volvan producirse. É responsabilidade de todas as familias contribuír a velar pola seguridade e a integridade do centro.

Por este motivo, o acceso deberá realizarse chamando ao timbre do portal principal, que permanecerá pechado en todo momento. Dende conserxaría darase acceso tras a correspondente identificación como alumnado do centro.

Volve a atención presencial da ANPA no centro

Despois de varios anos sen contar con presenza física da ANPA no centro, e tras un período no que a atención se realizou maioritariamente de forma telemática, en gran parte debido á pandemia, a ANPA retoma a atención presencial ás familias.

A partir de agora, os membros da ANPA estarán dispoñibles para atender persoalmente ás familias todos os martes de 16:00 a 18:00 horas, no espazo do comedor do colexio. Ademais das canles habituais de teléfono e correo electrónico, as familias poderán achegarse ao centro nese horario para tratar dúbidas, suxestións ou calquera outro tema de interese.

Agardamos que esta nova canle de comunicación sexa ben acollida por todas as familias, e animámosvos, se aínda non o fixestes, a que vos fagades socios da ANPA a través de este formulario.

Entre todos, e co voso apoio, contribuímos a mellorar a conciliación, a reforzar a comunicación co centro e a favorecer a socialización das familias, a través das distintas actividades promovidas pola ANPA.