Amosando publicacións coa etiqueta biblioteca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta biblioteca. Amosar todas as publicacións

domingo, 1 de febreiro de 2026

Apertura do patio e da biblioteca polas tardes e volta da atención presencial da ANPA

Dende a ANPA Monte Vixía queremos compartir con todas as familias dúas novidades importantes de cara a 2026, que xa se fixeron efectivas e que están relacionadas co acceso ao centro educativo e coa atención presencial ás familias por parte dos membros da ANPA: a apertura do patio e da biblioteca polas tardes e volta da atención presencial da ANPA.



Apertura do patio e da biblioteca en horario de tarde

A dirección do centro confirmounos que tanto o patio do colexio como a biblioteca están abertos para o uso por parte do alumnado do centro en horario de tarde de luns a xoves, de 16:00 a 18:00 horas, sempre que os nenos e nenas vaian acompañados dun adulto.

Trátase dunha gran oportunidade para que o alumnado poida reunirse cos seus compañeiros nun espazo cuberto e seguro, especialmente tendo en conta que o tempo está a poñer difícil o uso dos parques desde que comezou o inverno. Ademais, é tamén unha fantástica ocasión para fomentar a lectura, grazas ao amplo catálogo de libros dispoñibles na biblioteca do centro.

Queremos lembrar que o colexio sufriu no pasado roubos e actos vandálicos, polo que se extremaron as medidas de seguridade para evitar que estes desagradables incidentes volvan producirse. É responsabilidade de todas as familias contribuír a velar pola seguridade e a integridade do centro.

Por este motivo, o acceso deberá realizarse chamando ao timbre do portal principal, que permanecerá pechado en todo momento. Dende conserxaría darase acceso tras a correspondente identificación como alumnado do centro.

Volve a atención presencial da ANPA no centro

Despois de varios anos sen contar con presenza física da ANPA no centro, e tras un período no que a atención se realizou maioritariamente de forma telemática, en gran parte debido á pandemia, a ANPA retoma a atención presencial ás familias.

A partir de agora, os membros da ANPA estarán dispoñibles para atender persoalmente ás familias todos os martes de 16:00 a 18:00 horas, no espazo do comedor do colexio. Ademais das canles habituais de teléfono e correo electrónico, as familias poderán achegarse ao centro nese horario para tratar dúbidas, suxestións ou calquera outro tema de interese.

Agardamos que esta nova canle de comunicación sexa ben acollida por todas as familias, e animámosvos, se aínda non o fixestes, a que vos fagades socios da ANPA a través de este formulario.

Entre todos, e co voso apoio, contribuímos a mellorar a conciliación, a reforzar a comunicación co centro e a favorecer a socialización das familias, a través das distintas actividades promovidas pola ANPA.

venres, 26 de maio de 2017

Xornadas de comprensión lectora

Dende a Biblioteca Municipal Ágora informan da realización das Xornadas de Compresión Lectora que celebraran o vindeiro 9 de xuño, coincidindo coa presentación do novo centro de interese "LEOBEN": unha colección de documentos localizada na sala infantil da Biblioteca Municipal Ágora que recolle documentos relacionados coa comprensión lectora e coas dificultades máis comúns detectadas na aprendizaxe da lectura. Está indicado para nenos e nenas con dificultades á hora de ler, para as familias e para aquelas organizacións, asociacións e entidades relacionadas con este tema. O centro de interese procura dar visibilidade e aportar normalidade ante problemas de comprensión lectora, tanto motivados por diversos factores e emocionais e madurativos como os intrínsecos á persoa. A biblioteca traballa en colaboración coas persoas, famlias, entidades e centros educativos da contorna, pois resultan fundamentais para detectar as necesidades e propoñer melloras.
Temos o programa provisional das Xornadas, nas que podemos inscribirnos dende o 29 de maio.