luns, 1 de marzo de 2021

Aberto o prazo de matrícula para o vindeiro curso 2021/22

Dende hoxe, 1 de marzo de 2021 e ata o día 22 deste mesmo mes está aberto o prazo para presentar solicitudes para admisión do alumnado para o vindeiro curso 2021/22. 

Debido á crise da COVID-19, este ano as Xornadas de Portas Abertas non poderán ser presenciais, pero dende a Dirección do centro fixeron este vídeo das instalacións do cole para poder compartir e visualizar cantas veces se queira: 


Como sabedes, o CEIP Sanjurjo de Carricarte é un centro pequeno e familiar, e dende a ANPA defendemos o ensino público de calidade e temos a convicción de que toda a comunidade educativa suma. Estes son os servizos que ofertamos dende a ANPA, sobre os que atoparedes máis información navegando por este blogue: 

  • Servizo de comedor e madrugadores: Madrugadores desde as 07:30 ata a entrada ao cole e Comedor desde a saída do cole ata as 15:30 ou 16:00 con opción de continuar nas actividades extraescolares
  • Actividades extraescolares: sempre tentamos dar cobertura dende as 16:00 ata as 18:00 horas para facilitar a conciliación daquelas familias que o precisen. 
  • Oferta de actividades de conciliación en períodos non lectivos a través das acción programadas desde a Federación de ANPAS, ben con sede no noso cole ou nos centros públicos cercanos. 
  • Banco de libros entre familias: é un fondo voluntario, para persoas que non poden, polos criterios existentes, solicitar a axuda de libros da Xunta de Galicia. O banco realízase de 3º a 6º de primaria (xa que son os cursos onde xa non se escribe nos libros). NON ENTRAN OS LIBROS DE EXERCICIOS (por. ex. en inglés sempre hai un libro de texto e outro de exercicios só entra o de texto). 
  • Proxecto O Noso Patio:  Proceso participativo para a mellora do patio do CEIP Sanjurjo de Carricarte e o seu entorno 
  • A horta do Sanjurjo 
  • Proxectos deseñados a cargo de diferentes subvencións das Administraciónd Públicas: O Sanjurjo con lentes violetas, Ecocarricarte... 

Tentamos tamén establecer todas aquelas accións que favorezan a colaboración con asociacións, entidades e persoas do barrio de cara a dinamizar o mesmo e tecer redes de participación: AA.VV Atochas, Monte Alto Torre de Hércules, Biblioteca Pública de Monte Alto... 

Toda a información sobre o CEIP Sanjurjo de Carricarte, as instalacións, actividades e recursos está recollida na páxina web do Centro, e pode consultarse aquí. 

Para o vindeiro curso están dispoñibles as seguintes prazas:  

Curso Educación Infantil

Cursos de Educación Primaria

Postos dispoñibles

Neae (1)

Postos dispoñibles

Neae (1)

3 anos     22

4 anos     6

5 anos     0

3

0

0

Primeiro     0

Segundo     0

Terceiro      0

Cuarto         0

Quinto         2

Sexto           0

0

(1)   

Postos escolares a disposición da comisión de escolarización de alumnado neae (art.3 da Orde do 12 de marzo de 2013)


O formulario a entregar é o ED550B, que se pode recoller na Secretaría do cole ou descargalo a través da páxina virtual da mesma e ten que ser presentado entre os días 1 e 22 de marzo. Antes do 26 de abril publicarase a listaxe provisional de admitidas e non admitidas, con 5 días hábiles para presentar reclamacións e antes do 15 de maio publicarase a listaxe definitiva de admitidas e non admitidas. 
A matrícula formalizarase entre os dias 20 e 30 de xuño de 2021, na Secretaría do noso cole. 


venres, 26 de febreiro de 2021

Recollida das bandexas dos menús de Jardanay na Casa

Este xoves 25 de febreiro comezou a recollida das bandexas plásticas usadas, nas que recibides os menús de Jardanay na Casa, en colaboración coa asociación A.S.E.R (Axuda a Superar as Enfermidades Raras).

Cada xoves, no momento da recollida dos menús, atoparedes un contedor desta asociación no que poderedes depositar as bandexas de toda a semana. Non é preciso que as lavedes, simplemente agradecemos que retiredes os posibles restos de comida.

Coa vosa colaboración podemos axudar a reciclar máis de duascentas pezas de plástico á semana.

Queremos lembrarvos tamén outros puntos de recollida de tapóns da asociación A.S.E.R dispoñibles na contorna da nosa escola:

  • Perruquería Volvoreta, Avenida de Hércules 105
  • Ferretaría Hércules, Avenida de Hércules 83
  • Mercería  La Ilusión, Avenida de Hércules 75
  • Ro-Móvil, Mercado de Monte Alto
  • Garaxe Mar de Plata, Mercado de Monte Alto
  • Telecopy, Vereda do Polvorín, 7
  • Estanco 34, Rúa Santo Tomás 74
  • Super Market, Avenida de Navarra 7



xoves, 14 de xaneiro de 2021

Xestión de altas novas para Actividades Extraescolares

Neste trimestre sodes moitas as familias que estades a consultar pola incorporación das vosas nenas e nenos ás actividades extraescolares que se realizan no centro. 

Toda a información relativa a prazas, novos grupos, matrículas novas e modificacións tena a Federación de ANPAs, que é a entidade que xestiona as actividades extraescolares, e quen ten que valorar todos os casos e posibles altas novas. 

O contacto da Federación de ANPAS da Coruña é Lucía, e o seu teléfono o 649 05 59 39.

mércores, 9 de decembro de 2020

AVISO URXENTE: EXTRAESCOLARES PAVILLÓN CANCELADAS

Aviso urxente: Actividades extraescolares no pavillón CANCELADAS

Debido ao arranxo da pista do pavillón, hoxe mércores 9 de decembro e mañá xoves 10 de decembro, quedan canceladas todas as actividades extraescolares que se realizan no pavillón. O venres 11 reanúdanse con normalidade. 


Desculpade as molestias. 


Un saúdo, 

venres, 27 de novembro de 2020

O noso mural mariño, destrozado

 Esta mañá, tres días despois do incidente comunicado aos medios, descubrimos con moita tristura que o mural de Iria Fafián "O que nos deixan as mareas", apareceu destrozado por unha pintada. 


O mural da artista catalana foi creado dentro da segunda edición do programa Ecocarricarte, organizado e desenvolvido polo conxunto da nosa comunidade educativa para promover os valores universais do respecto, a tolerancia, a igualdade de xénero, a convivencia e a diversidade, e foi inaugurado o pasado 1 de novembro. 

VANDALISMO NA CONTORNA DO NOSO COLE

 A raíz dun acontecemento sucedido o luns nos arredores do noso cole, dende a Direción do centro e dende a nosa ANPA demandamos ao Concello que mellore a iluminación e reforce a seguridade do noso cole. 

Dende a ANPA, ademais, enviamos unha nota de prensa aos medios que está acadando gran repercusión nestes días. Colgámola aquí para que todas poidades lela e compartila: 


A ANPA do CEIP Sanjurjo de Carricarte esixe ao Concello que mellore a seguridade e iluminación no recinto escolar para evitar novos roubos e incidentes na contorna do centro

A Dirección do centro e a ANPA trasladaron en diferentes ocasións estas demandas ao Concelleiro de Educación e Memoria Histórica, sen ser atendidas ata o momento

Tanto na comunidade educativa coma entre as familias do CEIP preocupa que estes actos vandálicos continúen a súa escalada se non se aplican medidas de seguridade no centro


A Coruña, 24 de novembro de 2020

O CEIP Sanjurjo de Carricarte leva anos sufrindo roubos e diferentes actos de vandalismo sen que dende o Concello da Coruña se implementen medidas disuasorias nin de seguridade. Tanto dende a Dirección do centro como dende a ANPA se solicitou en varias ocasións ao Concello da Coruña que se invirta na seguridade do centro, sen resposta por parte da Concellaría de Educación.

O pasado luns pola tarde, persoal docente do CEIP foi sorprendido na costa que dá acceso ao centro por unha serie de persoas encapuchadas portando un bate de béisbol e unha pistola eléctrica. Despois de denunciar este feito ante a Policía e remitilo tamén ao Concello, tanto a Dirección do centro como a ANPA esixen ao Concelleiro de Educación e Memoria Histórica, Chero Celemín, que cumpran co acordado na reunión mantida o pasado mes de marzo de 2020, tralo anterior acto vandálico sufrido no centro.

Nesta reunión a ANPA remitiu ao Concelleiro un completo informe sobre o estado do CEIP Sanjurjo de Carricarte, no que se facía especial fincapé na seguridade do centro e a súa contorna. Neste informe solicitábase a mellora da iluminación do recinto, a instalación dunha alarma exterior, a reparación e substitución do valado do recinto escolar (na actualidade, con fendas que permiten o paso dunha persoa adulta), e a mellora da vixilancia na área na que se atopa o a escola.

Estas peticións, que volveron ser remitidas ao Concello da Coruña esta semana, levan sen ser atendidas por parte da Concellería de Educación e Memoria Histórica dende o pasado ano 2019. Dende a ANPA do CEIP Sanjurjo de Carricarte consideran unha imprudencia e unha irresponsabilidade non acometer estas melloras no centro, expoñendo a toda a comunidade escolar, e especialmente aos cativos e cativas que asisten ao mesmo, a situacións de perigo e inseguridade constantes.

O CEIP Sanjurjo de Carricarte xa foi obxecto de roubos e actos vandálicos nos últimos anos, tales coma o roubo de equipos informáticos do centro no 2017, os destrozos nas hortas da escola e nas xardiñeiras do 2018 e os reiterados botellóns que se veñen producindo tanto no 2019 coma no 2020, deixando na área de xogo infantil cabichas, obxectos punzantes, preservativos, ouriños e vómitos. O último acontecemento desta semana pon en evidencia a necesidade de mellorar a seguridade tanto no centro como nos seus arredores, para evitar que volvan repetirse situacións coma as descritas.

martes, 24 de novembro de 2020

AGRADECEMENTOS POLA PARTICIPACION NO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA "CON LENTES VIOLETAS" 2020

Queremos agradecervos con este video a alta participación na segunda edición do concurso de fotografía "Con Lente Violeta", recibimos 49 obras  que procuran difundir unha mensaxe igualitaria, fomentando e visibilizando a igualdade  así como reflexionando sobre valores universais. 

O obxectivo desta segunda edición foi sensibilizar sobre a importancia de traballar por una sociedade mais igualitaria na que non teña cabida a violencia de xénero, fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes e estimular a creatividade das persoas participantes.

Hoxe conmemoramos o 25 de novembro "Día contra a violencia de xénero" e este é o noso gran,  loitamos por unha educación pública e feminista.

“Por unha escola libre de violencias machistas, enfoca coa lente violeta”.


Preme na imaxe para acceder ao video.


Aproveitamos para darlle as grazas a Borja o pai de Eire e Xandre pola edición do video, un fermoso regalo.

Está actividade forma parte do proxecto financiado Pola Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

OBRADOIRO DE DIVERSIDADE SEXUAL

 


O pasado 11 de novembro desfrutamos do obradoiro de diversidades sexuais para as familias a través de meet, un faladoiro ben interesante sobre a diversidade sexual e as identidades de xénero da man de AGASEX, Asoc. Galega para a saúde sexual, unha colaboración con esta entidade no marco do proxecto "Con tentes violetas" financiado pola Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta.

A formadora, Lorena, achegounos un documento con diversos recursos literarios para seguir traballando en familia. Deixamos aqui o enlace: https://drive.google.com/file/d/1YlXeR2eQRyYeBpyszA_7-_ttTFEl_3nT/view?usp=sharing









RECURSOS EDUCAR E COEDUCAR




O pasado 14 de novembro  gozamos do obradoiro Educar e Coeducar, da man de Sara Vierna de Almas Meraki. Participamos 7 familias a través do meet e aprendimos sobre os estereotipos e roles de xénero que imperan na nosa socialización, profundamos na importancia que ten o traballo da intelixencia emocional que nos dota de recursos de regulación emocional para que as nosas relacións sexan igualitarias e en igualdade de oportunidades.

A formación xirou en torno a tres temas: analise de xénero, dimensión emocional e os piares da coeducación emocional.

Na primeira parte da sesión centrámonos nunha perspectiva feminista e sobre a xeración Alfa (nenos e nenas nacidos a partir do 2010)

Reflexionamos sobre como seguimos perpetuando unha feminidade e unha masculinidade normativa limitante a través dos xogos, series, debuxos, redes sociais etc.

Exploramos as consecuencias que xera un mundo simbólico patriarcal como a sexualización, o mito da beleza, o exceso de coidados e de agrado no caso das nenas.

Analizamos a represión emocional e a relación coa violencia dos nenos, as identidades de risco e o concepto "pornativos"

Na segunda parte, de xeito practico levamos a cabo varias dinámicas sobre competencias emocionais, conciencia e regulación emocional para facilitar un desenvolvemento integral de nenos e nenas, aspirando a feminidades empoderadas e masculinidades relaxadas.

Concluimos a sesión expoñendo chaves da praxi coeducativa a ter en conta e ofreceunos referentes en positivo para empregar no ámbito familiar.

A formadora,  deixounos moitos recursos asi como a presentación sobre a que traballamos, un gran xeito de xenerosidade e implicación social. Por este motivo deixamos nesta entrada os diferentes materiais.

Grazas a todas as familias que participáchedes nas diferentes actividades programas do programa "Con lentes violetas" financiado pola Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

Recursos e recomendacións:

-71 propuestas para educar con perspectiva de género de la fundación FUHEM-  Os hablé de este libro manual.

-O documental (con subtítulos) de "The mask you live in" sobre a masculinidade.



-Video sobre a lei do agrado. 



-Video sobre a beleza a as nenas.  Dove (1min y 30min)





-Recurso musical




Presentación completa