viernes, 27 de noviembre de 2020

VANDALISMO NA CONTORNA DO NOSO COLE

 A raíz dun acontecemento sucedido o luns nos arredores do noso cole, dende a Direción do centro e dende a nosa ANPA demandamos ao Concello que mellore a iluminación e reforce a seguridade do noso cole. 

Dende a ANPA, ademais, enviamos unha nota de prensa aos medios que está acadando gran repercusión nestes días. Colgámola aquí para que todas poidades lela e compartila: 


A ANPA do CEIP Sanjurjo de Carricarte esixe ao Concello que mellore a seguridade e iluminación no recinto escolar para evitar novos roubos e incidentes na contorna do centro

A Dirección do centro e a ANPA trasladaron en diferentes ocasións estas demandas ao Concelleiro de Educación e Memoria Histórica, sen ser atendidas ata o momento

Tanto na comunidade educativa coma entre as familias do CEIP preocupa que estes actos vandálicos continúen a súa escalada se non se aplican medidas de seguridade no centro


A Coruña, 24 de novembro de 2020

O CEIP Sanjurjo de Carricarte leva anos sufrindo roubos e diferentes actos de vandalismo sen que dende o Concello da Coruña se implementen medidas disuasorias nin de seguridade. Tanto dende a Dirección do centro como dende a ANPA se solicitou en varias ocasións ao Concello da Coruña que se invirta na seguridade do centro, sen resposta por parte da Concellaría de Educación.

O pasado luns pola tarde, persoal docente do CEIP foi sorprendido na costa que dá acceso ao centro por unha serie de persoas encapuchadas portando un bate de béisbol e unha pistola eléctrica. Despois de denunciar este feito ante a Policía e remitilo tamén ao Concello, tanto a Dirección do centro como a ANPA esixen ao Concelleiro de Educación e Memoria Histórica, Chero Celemín, que cumpran co acordado na reunión mantida o pasado mes de marzo de 2020, tralo anterior acto vandálico sufrido no centro.

Nesta reunión a ANPA remitiu ao Concelleiro un completo informe sobre o estado do CEIP Sanjurjo de Carricarte, no que se facía especial fincapé na seguridade do centro e a súa contorna. Neste informe solicitábase a mellora da iluminación do recinto, a instalación dunha alarma exterior, a reparación e substitución do valado do recinto escolar (na actualidade, con fendas que permiten o paso dunha persoa adulta), e a mellora da vixilancia na área na que se atopa o a escola.

Estas peticións, que volveron ser remitidas ao Concello da Coruña esta semana, levan sen ser atendidas por parte da Concellería de Educación e Memoria Histórica dende o pasado ano 2019. Dende a ANPA do CEIP Sanjurjo de Carricarte consideran unha imprudencia e unha irresponsabilidade non acometer estas melloras no centro, expoñendo a toda a comunidade escolar, e especialmente aos cativos e cativas que asisten ao mesmo, a situacións de perigo e inseguridade constantes.

O CEIP Sanjurjo de Carricarte xa foi obxecto de roubos e actos vandálicos nos últimos anos, tales coma o roubo de equipos informáticos do centro no 2017, os destrozos nas hortas da escola e nas xardiñeiras do 2018 e os reiterados botellóns que se veñen producindo tanto no 2019 coma no 2020, deixando na área de xogo infantil cabichas, obxectos punzantes, preservativos, ouriños e vómitos. O último acontecemento desta semana pon en evidencia a necesidade de mellorar a seguridade tanto no centro como nos seus arredores, para evitar que volvan repetirse situacións coma as descritas.