Dende a ANPA queremos facer un pequeno recordatorio respecto ao pagamento da cota anual deste curso. Somos conscientes de que o inicio de curso sempre trae moitas xestións e tarefas, e que ás veces pode quedar algún trámite pendente sen intención.
Actualmente existe un retraso xeneralizado no pagamento da cota. Lembramos que todas as familias que fan uso do comedor e das actividades extraescolares deben estar dadas de alta na ANPA e ter aboada a cota correspondente, e actualmente pouco máis do 40% realizou o pagamento.
Se dubidades se fixestes ou non a alta/renovación e o pagamento, non vos preocupedes, xa que nos vindeiros días contactaremos coas familias que teñen este trámite pendente, cun recordatorio individual.
Como facerse socio/a da ANPA
Para apoiar e participar nas actividades que xestiona a ANPA ao longo do ano é importante:
1. Darse de alta e facilitar os datos da familia a través do formulario correspondente.
2. Realizar o pagamento da cota anual.
Unha vez enviado o formulario, recibiredes un correo de confirmación.
A cota de participación é de 20 euros por curso e por familia (independentemente do número de nenos/as no centro).
Forma de pago
Este ano o pagamento estase a realizar por transferencia bancaria, dando de prazo ata o:
📅 31 de marzo de 2026
Concepto: APELIDOS FAMILIA
Conta corrente: IBAN ES28 2080 0039 1130 0001 3175
É importante remitir o xustificante de pagamento por mail a: 📩 anpamontevixia@gmail.com
Para calquera dúbida ou dificultade podedes escribirnos a ese mesmo correo. Estamos para axudarvos.
Mellora para o vindeiro curso
Sabemos que ter que facer este trámite cada ano pode resultar repetitivo e que, en ocasións, mesmo pode xurdir a dúbida de se o pago xa foi realizado ou non.
Co obxectivo de facilitar o proceso e facelo máis automático, a partir do vindeiro curso, unha vez inscritas na ANPA, solicitarase ás familias autorización para realizar o cobro mediante domiciliación bancaria, evitando así ter que reconfirmar a renovación cada ano.
Por suposto, existirá sempre unha opción sinxela para comunicar a baixa da ANPA cando a familia abandone o centro ou decida deixar de ser socia, evitando así calquera cobro indebido.
Agradecemos moito a vosa colaboración e implicación. A ANPA e todas as actividades organizadas son posibles grazas ao apoio das familias e ao compromiso compartido co benestar do alumnado.
















